Auga vai! Convidamosche a refrescarte na Festa da Auga de Vilagarcía
07/08/2018
Só hai que tentar contar as celebracións que se lle dedican ao ancho e longo de Galicia para darse conta de que San Roque é o santo que máis devoción esperta na comunidade. Entre as actividades vinculadas a estas festas atópanse algunhas tan famosas e singulares como a do Globo de Betanzos. Pero se hai unha popular, divertida e sobre todo refrescante, esa é a Festa da auga de Vilagarcía de Arousa, que, ademais, foi declarada Festa de Interese Turístico Nacional. Hoxe convidámoste a coñecela.
Unha festa moi espontánea
A Festa da Auga naceu de maneira espontánea un 16 de agosto de 1984. Ese día, o de San Roque, foi moi caloroso e os romeus encargados de trasladar ao santo desde a igrexa de Santa Eulalia de Arealonga, na que se garda a imaxe, ata a capela de San Roque pediron auga para refrescarse. A súa solicitude foi atendida cun vaso de auga tirada desde unha xanela, ao que logo se sumaron outros e tamén cubos, mangueiras... Desde entón, cada ano, non só os veciños saen aos seus balcóns cargados do líquido elemento senón que tamén camións cisternas reparten auga para que ninguén se vaia sen mollarse.
Programa festivo para todos os gustos
Con motivo das festas de San Roque, Vilagarcía acolle durante dez días diversas actividades culturais e de lecer. O programa deste ano recolle os concertos gratuítos de Diego el Cigala (sábado 11), Milladoiro (domingo 12) ou Tequila (martes 14), ademais de pasarrúas e verbenas. Outras citas esperadas son o espectáculo pirotécnico do Combate Naval (sábado 18) e o Desfile de Carrozas (domingo 19), sen esquecernos de que o domingo 19 terá lugar a XXVIFesta da Ameixa de Carril, celebración gastronómica de interese turístico de Galicia.
A só media hora
Si, xa nos imaxinamos que se che están poñendo os dentes longos. A boa noticia é que ese baño, o concerto ou a degustación da afamada ameixa de Carril quedan a menos de media hora en coche desde o Hotel Scala. Ou, se non queres conducir, lembra que Padrón e Vilagarcía de Arousa están unidas por trens de proximidade que circulan con bastante frecuencia. Ademais, no noso blogue contámosche que outras cousas podes facer en Vilagarcía. Agardamos por ti!
Segue as nosas noticias e ofertas subscribíndoche á nosa newsletter