Xa sabedes que o Grupo Hotel Scala atópase en Padrón, localidade con historia que merece a pena coñecer e tamén un enclave ideal para desprazarse ao resto de Galicia e coñecer as moitas marabillas que brinda a nosa comunidade, tendo en conta, ademais, que nos atopamos a un paso da AP-9, a autoestrada que a vertebra de norte a sur.
Pero, se preferides quedarvos preto ou vides comer e buscades un plan para pasar a tarde (e baixar a comida), tamén se nos ocorren unha chea de lugares nos que podedes gozar. Neste post convidámosvos a visitar fervenzas e, aínda que é moi difícil escoller cales son as máis bonitas (non esquezades que Galicia é o país dos mil ríos), fixámonos nalgunhas das máis próximas, a menos de media hora en coche do Hotel Scala.
Fervenzas da Ruxidoira e Raxoi
A mesma N-550 na que se sitúa o noso Hotel Scala levaranos en pouco máis dun cuarto de hora, e tras tomar un desvío á dereita no veciño municipio de Valga, ao comezo dun roteiro no que acharemos estas dúas fervenzas. O camiño comeza ante varios muíños, á beira dos cales atoparemos pasarelas e escaleiras de madeira que nos levarán en primeiro lugar á Fervenza dá Ruxidoira e a unha preciosa poza na que podemos mesmo darnos un mergullo se a calor aperta.
Continuando o ascenso, por un terreo agreste e uns centos de metros máis arriba, daremos despois coa Fervenza de Raxoi, aínda máis espectacular. Un consello para ter en conta é que en época de choivas é mellor acceder a esta última fervenza desde unha pista forestal que se atopa máis arriba.
Fervenza de San Xusto
A vinte minutos das nosas instalacións, atopamos esta bonita fervenza ao pé da AC-543, que une Noia con Santiago, ao seu paso polo concello de Lousame. Intégrase nunha paraxe natural de gran beleza a beiras do río San Xusto, afluente do Tambre. Deixamos o coche na estrada e tomamos un camiño que baixa para ver, primeiro, unha serie de edificacións pertencentes ao antigo mosteiro de Toxosoutos, entre as que se atopan a casa reitoral, algún muíño ou un pombal.
Temos que seguir un camiño que sobe en pendente á beira da igrexa para chegar á Fervenza de San Xusto ou de Toxosoutos. Se nos animamos a continuar o ascenso, a recompensa será atoparnos a escasos metros con outro salto de auga.
Fervenza do Pozo Negro
Menos coñecida que as anteriores, a Fervenza do Pozo Negro atópase no municipio de Brión a 25 minutos do Hotel Scala no lugar no que o río Chavielos, na súa desembocadura, cae sobre o Tambre. Para acceder a ela, podemos deixar o coche preto da igrexa de Santa María de Ons ou na Ponte das Pías, onde un camiño ascendente levaranos ata a fervenza, así como a unha ponte de madeira e unha poza.
Que vos parecen estas excursións para unha fin de semana de outono? A nós parécenos unha forma moi atractiva de coñecer a nosa contorna respirando aire puro. Esperámosche no Grupo Hotel Scala.