A chegada de agosto volve traer a Padrón, un ano máis, unha das citas gastronómicas máis importantes de Galicia: a XL Festa do Pemento de Herbón. A festa, declarada de interese turístico, celébrase cada ano o primeiro sábado deste mes estival, congregando por centos de persoas que se reúnen para gozar do bo ambiente e, como non podía ser doutro xeito, do sabor único destes deliciosos produtos verdes. Pero para aqueles que vos sexa imposible asistir non vos preocupedes, porque temos preparados varios consellos para que ninguén quede sen probar un dos produtos estrela da gastronomía galega.
Onde compralos
O primeiro paso é adquirir os auténticos pementos de Herbón que se comercializan entre os meses de maio e outubro. Para iso debemos asegurarnos de que sexan da Denominación de Orixe Protexida. Basta con mirar se o envase contén unha contra etiqueta alfa numérica na que apareza o logo da Denominación de Orixe. Ademais, tamén debe aparecer o logotipo oficial da D.O. P. Pemento de Herbón. E por último, fixarse que na identificación comercial apareza a mención á Denominación de Orixe Protexida “ Pemento de Herbón” e tamén que se incorpore que se trata da “variedade Padrón”. Así asegurámonos de estar a comprar os auténticos pementos da zona, que conservan todo o seu sabor.
Como preparalos
Os pementos de Herbón teñen multitude de preparacións posibles: en empanada, en tempura, en tostas... Pero a forma tradicional de consumilos é fritos. E aquí xorde a primeira das dúbidas: con ou sen rabo? Recoméndase fritilos sen el, para que conserven o seu sabor herbáceo. A clave? Quitarllo cunha culleriña ou un coitelo de punta roma sen perforar o pemento, para que non entre aceite no seu interior. Antes de fritilos lentamente, deben lavarse e a continuación introducilos en aceite de oliva non demasiado quente. Por último escórrense e engádeselles sal groso. Faise a boca auga só de pensalo!
E se non queres complicarte… Ven a degustalos connosco!
En Restaurante Asador O Pazo e tamén no Restaurante Hotel Scala estamos a desexar que probes os auténticos pementos de Herbón preparados como só sabemos nesta terra. Atrévete a probar os pementos de Herbón e acompáñaos cun bo viño ou polo menos un pouco de auga porque lembra, que uns pican e outros non.