Padrón destaca especialmente pola súa tradición literaria. Este tranquilo recuncho a beiras do río Sar é famoso por ser o berce de recoñecidos escritores como Camilo José Cela ou Macías O Namorado, ademais de ser o lugar onde Rosalía de Castro pasou parte da súa infancia e os seus últimos anos. Así que, por suposto, a localidade é o lugar perfecto para descubrir e coñecer a vida e obra destes literatos nun percorrido único que che propoñemos desde Hotel Scala.
Macías O Namorado
O idilio entre a vila de Padrón e a literatura remóntase xa a varios séculos atrás. E é que no século XIV desenvolve a súa obra unha das figuras máis coñecidas da literatura da época, Macías O Namorado, que, aínda que non se sabe de certo, parece foi natural de Padrón.
Contan que Macías destacou moi pronto polo seu talento coas letras, motivo polo cal estivo ao servizo de don Enrique de Aragón. Foi nesta época cando coñeceu e namorouse dunha dama, Dona Elvira. Nunha ausencia de Macías, dispúxose que Dona Elvira casase con outro home. Ao seu regreso Macías non puido soportalo e seguiu tentando conquistala, motivo polo que acabou sendo encarcerado.
Pero nin en prisión conseguía esquecer ao seu amor e desde alí dedicáballe cantigas que eran escoitadas por todos os curiosos que se achegaban ao pé da celda. O marqués de Porcuna, esposo de Dona Elvira, ao coñecer a situación e tolo de celos, decidiu asasinar a Macías no cárcere. En honra ao personaxe, a vila conta cunha praza en honra a Macías cunha estatua de bronce de Ramón Conde. Por último, unha visita ao famoso Xardín Botánico de Padrón móstranos outra estatua do poeta xunto ao coñecido como Banco dos Namorados.
Rosalía de Castro
En Padrón pasou boa parte da súa vida a que é, seguramente, a escritora galega máis coñecida de todos os tempos. E é precisamente no municipio onde atopamos algúns dos lugares máis significativos para a autora de Follas Novas. En Padrón atópase, por exemplo, o Pazo de Arretén, que pertenceu á familia da nai de Rosalía e que a propia autora chamaba nos seus poemas ‘Casa Grande’ ou un busto da autora, que se atopa no céntrico Espolón.
Pero, sen dúbida, a vista imprescindible para achegarse á autora é a súa Casa-Museo, coñecida como Casa da Matanza, na que Rosalía pasou os seus últimos anos. Nela expóñense agora algunhas das súas obras, percórrese a vida da escritora e móstrase como era a sociedade da época. Na casa consérvase tamén o escritorio sobre o que a autora compoñía os seus poemas. Durante a visita fíxate na cama onde morreu a escritora xa que sobre ela sempre hai unha flor en sinal de homenaxe.
Outro punto interesante da vila é a preciosa Colexiata de Iria Flavia, pertencente á Igrexa de Santa María. No seu cemiterio estivo enterrada Rosalía entre 1885 e 1991. Na actualidade os restos da autora repousan no Panteón de Galegos Ilustres de Santiago de Compostela.
Camilo José Cela
Camilo José Cela, Premio Nobel de Literatura e autor de obras mestras como A Colmea naceu na localidade de Padrón. Sen dúbida, para achegarse a esta figura o mellor é visitar a Fundación Camilo José Cela, que se sitúa, como non podería ser doutra maneira, no municipio. A Fundación foi promovida polo propio escritor, xa que buscaba un lugar no que conservar a súa obra e tamén outras representacións artísticas. Neste lugar consérvanse manuscritos, cartas, prensa e recoñecementos, que permiten achegarnos un pouco máis a un dos escritores españois máis importantes da historia.
Ademais, outro punto vital para entender a figura do escritor é a Igrexa de Santa María. Neste lugar foi bautizado o autor e na actualidade, os restos mortais do escritor descansan no seu cemiterio, o de Adina, xa que Camilo José Cela deixou por escrito que quería ser enterrado aquí, xunto aos seus antepasados e non en Santiago.
Unha visita ao río Sar ou achegarnos ás beiras do Ulla tamén nos trasladan, como non podería ser doutra maneira, á obra deste xenio da literatura.
Padrón é sen dúbida un lugar esencial para entender a literatura española. En Hotel Scala non podemos estar máis orgullosos da historia da nosa localidade e estamos a desexar recibirche para que coñezas, de primeira man a historia de Macías, Rosalía e Camilo José Cela. Unha escapada perfecta para este outono!