Un dos maiores encantos de percorrer un novo lugar é poder, a través das pegadas do pasado, coñecer a súa historia. Monumentos, edificios históricos, prazas… todo tivo unha orixe, probablemente un tanto diferente ao que hoxe coñecemos.
Dende o Hotel Scala convidámosche a percorrer as rúas de Padrón a través doutro punto de vista. Propoñémosche un paseo pola localidade descubrindo os seus lugares máis históricos. Un percorrido por unha vila medieval formada por rúas estreitas dispostas ao redor da rúa Longa, intercaladas por pequenas prazas.
Comezamos o noso roteiro na Porta de Fondo de Vila. Como calquera vila medieval, Padrón rodeábase dunha gran muralla, sendo esta unha das súas antigas entradas. Una vez “atravesada”, se camiñamos en dirección á Rúa Real, atopámonos co cruce de Rúa Longa e Rúa Tafona. Nesta última, atopábase o gremio dos vendedores de pan do vello Padrón.
Se agora continuamos dirección oeste, chegamos á Praza das Travesas. Esta praza denominouse así porque neste lugar era onde se construían as travesas do valado que defendía as augas do río Sar. O establecemento desta protección foi consecuencia dos ataques viquingos e normandos que sufriu Padrón durante os séculos X e XI. Esta construción prolongábase ao norte pola Rúa Ferreiros, na que, como pode intuírse, asentábase o gremio dos ferreiros da época.
Chegamos á praza que ata 1920 denominouse como Praza do Fiado. A partir de entón, será o coñecido Macías o Namorado quen lle dea nome. A devoción polo seu amor prohibido foi o que lle inspiraba para as súas obras, pero tamén o que terminou quitándolle a vida. Por iso, réndeselle homenaxe no pobo e coñéceselle como “O namorado”.
Se seguimos pola Rúa do Castro, estaremos ante o antigo rastro de carnes da vila, onde se comercializaba este produto. O noso paseo continúa pola longa Rúa Real, atopándonos co Pazo de Alfolí do Sal, unha construción do século XVII onde se vendía este produto. Pola súa condición de berce xacobeo, outorgábaselle a Padrón a prebenda real de ser o monopolio da distribución do sal para toda a ría de Arousa.
Un pouco máis ao norte, recíbenos a antiga “Porta do Relox”, onde se achaba o reloxo público da vila. Dende este punto, pola rúa Rosalía de Castro, podemos chegar ao Pazo de Quito. Un edificio de estilo renacentista e antiga propiedade dun cóengo de Santiago, o cal viaxou a Quito onde fixo donativos, estableceu fundacións e escribiu algún libro.
Finalizamos o noso roteiro na Igrexa de Santiago, ás beiras do Sar. Xa mencionamos moitas veces a importancia desta, xa que aquí áchase o ara romana no que a lenda di que se atou a barca que conduciu os posibles restos de Santiago. O que quizais non coñecías é que neste lugar atopábase o antigo porto de Padrón, de onde saíron as primeiras galeras da Mariña Española.
Padrón contén moitos séculos de historia tras as súas rúas e prazas medievais. Esperámosche en Hotel Scala para descubrila.