O río Valga aflora nos Montes Xesteiras e transcorre tranquilamente cara ao oeste ao longo de belas paraxes ata chegar á terra que lle deu o nome. É neste tramo; entre Parafita e Raxoi e a escasos quilómetros de Padrón, onde o río Valga xunta as súas augas co "Regato de Ferreño" e xuntos descenden vertixinosamente polo val formando catro grandes saltos de auga que compoñen un espectáculo visual digno de presenciar.
Ao longo do curso alto do río discorre unha pequena senda, que nos conducirá á "Fervenza de Raxoi" denominación pola que se coñece ao primeiro salto que atoparemos no camiño, esta paraxe regala aos nosos oídos o clamor das augas, que xunto coa beleza coa que dotou a nai natureza a este lugar forman un emprazamento único. Continuando a través dunha alfombra vermella de follas secas atravesaremos dúas pequenas fervenzas dotadas de gran encanto que nos conducirán ao noso destino final a través dunha pasarela de madeira : A "Fervenza da Ruxidoira". Este impoñente salto de seis metros cae formando unha cativadora poza que da man dos "Muíños de Parafita" conforma un enclave paradisíaco.
Pero se te sentes en forma e quedáches con ganas de máis... ¡Temos unha proposta para ti! Unha vez finalizado o traxecto ata os sensacionais muíños de auga comeza o camiño de regreso, chegados ao momento de partida poderemos continuar ascendendo para coñecer un pequeno pedazo de historia transformado en petróglifo. Esta vetusta roca denominada "Pedra dá Serpe" constitúe un emblema dentro da arte rupestre circular, unha representación digna de presenciar que non che deixará indiferente.