Foto: Real Academia Galega
Se es galego saberás que o próximo martes 17 de maio é festivo en Galicia e, sobre todo, que é o Día das Letras Galegas. Isto en Padrón é algo moi relevante, polo que tamén o será para o Hotel Scala. Queres saber por que? Pois quédate a ler o noso post e descobre toda a vinculación que teñen as nosas letras con Padrón e algúns dos Concellos que están a un paso da vila.
O 17 de maio escolleuse como día das Letras Galegas para homenaxear, na súa primeira edición, a Rosalía de Castro, poetisa que ese mesmo día en 1863 publicou Cantares Gallegos. Isto ten vinculación con Padrón xa que, como seguramente saberás, Rosalía de Castro viviu os seus últimos anos na nosa vila, lugar onde tamén faleceu.
Como vos contamos no noso post sobre Padrón Literario, a nosa vila tamén viu nacer a escritores como Camilo Xosé Cela ou Macías o Namorado e non só iso, senón que a un paso de Padrón e, sobre todo, do noso Hotel Scala, naceron outros autores que seguro que tamén coñeces. Que che parece se vemos algúns deles mentres que descubrimos lugares nos que pasar o día festivo?
Rianxo: A uns 20 minutos do Hotel Scala está Rianxo, lugar onde naceron escritores como Castelao e Rafael Dieste, ambos autores foron homenaxeados nas letras galegas de 1964 e 1995 respectivamente. Aquí non podes perderte a Capela da Virxe de Guadalupe na Praza de Castelao, protagonista da canción mariñeira: “A Rianxeira”. E por suposto, podes visitar Monte da Muralla e Pozo Bastón, dos que xa falamos noutras ocasións.
Outes: Aquí naceu Francisco Añón, a este autor dedicáronlle as letras galegas en 1966 e o municipio está a media hora do Hotel Scala. Recomendámosche visitar o Miradoiro Monte Tremuzo que, con 531 metros dános unha vista de case a totalidade de Outes e parte da Ría de Muros e Noia.
Cambados: Ramón Cabanillas (letras dedicadas en 1976) naceu en Cambados. Esta localidade está na Provincia de Pontevedra a media hora do Hotel Scala. E de aquí non podes perderte a Praza de Fefiñáns e as Ruínas de Santa Mariña de Dozo.
Noia: María Mariño (letras dedicadas en 2007) naceu en Noia, unha vila a media hora do hotel e onde desemboca o Río Tambre. Aquí podes ver a Ría de Muros e Noia dende Monte Iroite e o Monte San Lois. Ademais, en Noia poderás descubrir a Igrexa de San Martiño coa súa torre inacabada.
Este ano as Letras Galegas serán dedicadas a Florencio Delgado Gurriarán, autor natural de Valdeorras. Non podemos pechar este post sen mencionalo e moito menos sen citar algunhas das súas obras máis coñecidas como Galicia Infinda (1963) ou Cantarenas: poemas 1934-1980 (1981).
Aínda que este é un pequeno resumo, seguro que xa tes suficiente para decidir que pobo dos que viu nacer a estes escritores queres visitar preto do Hotel Scala. Se te animas a facer a ruta completa non te esquezas de facer a túa reserva, estarémoste agardando para celebrar este día tan especial para os galegos. Ven a celebrar este día connosco!